Noticias
© Asociación ASPAS | 11/01/2017 | Membros de ASPAS que participan na validación
Membros de ASPAS participan na validación en lectura fácil da estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020
Dende esta semana ata o 25 de xaneiro realizan reunións diarias con persoal de Fademga Plena Inclusión Galicia para comprobar que o texto é accesible para persoas con dificultades de comprensión lectora.
11/01/2017 | Santiago de Compostela
Catro membros de ASPAS están participando na validación da adaptación a lectura fácil do texto da estratexia sobre discapacidade 2015-2020 da Xunta de Galicia. Este traballo está a realizarse mediante reunións diarias entre os usuarios de ASPAS e persoal de Fademga nas que se analiza o texto para comprobar que é accesible para persoas con dificultades de comprensión lectora. Está previsto que o proceso de validación remate o 25 de xaneiro.
O documento recolle as accións que se propón realizar a Xunta de Galicia en colaboración coas asociacións de persoas con discapacidade e outras administracións. A estratexia contempla o desenvolvemento de 477 actividades en diferentes ámbitos co obxectivo de acadar a inclusión plena e efectiva das persoas con discapacidade na sociedade galega.
Así, están establecidas seis liñas estratéxicas nas que centrar o traballo: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais. Do mesmo xeito, estas liñas van acompañadas dos principios transversais de accesibilidade, participación, investigación, innovación e calidade e igualdade de xénero.
Arquivada en:







