Cookies


Noticias 

© Asociación ASPAS | 22/06/2016 | Xornadas Seguridade Viaria 1

Xornadas sobre seguridade viaria en ASPAS impartidas pola Policía Local de Santiago

O programa inclúe un módulo teórico e outro práctico e desenvolveuse cos obxectivos de fomentar a autonomía viaria das persoas con discapacidade intelectual, facilitar a súa integración e, sobre todo, favorecer a súa seguridade.

22/06/2016 | Santiago de Compostela

Os usuarios de ASPAS asistiron entre os meses de febreiro e xuño a unhas xornadas sobre seguridade viaria impartidas polo Departamento de Educación Viaria da Policía Local de Santiago de Compostela. Este programa, que inclúe un módulo teórico e outro práctico, desenvolveuse cos obxectivos de fomentar a autonomía viaria das persoas con discapacidade intelectual, facilitar a súa integración na contorna e, sobre todo, favorecer a súa seguridade como usuarios das vías.
 
No módulo teórico repasáronse os conceptos máis importantes relacionados coa seguridade viaria empregando elementos moi visuais para explicar cales son os comportamentos seguros como peóns (como circular por beirarrúas e vías interurbanas, uso do chaleco, como cruzar as rúas, etc) e como usuarios de transportes públicos (como comportarse nunha parada, ao subir e baixar do autobús e durante o traxecto). Na actividade empregouse material da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña, da Fundación Mapfre e material propio deseñado polo Departamento de Educación Viaria da Policía Local. Ademais, realizáronse varias sesións con diferentes grupos dun máximo de 20 persoas cada un e adaptáronse os materiais ás necesidades de cada grupo.
 
O módulo práctico consistiu nun percorrido peonil e outro en transporte urbano para reforzar a comprensión e interiorización dos coñecementos adquiridos nas clases teóricas. O percorrido peonil realizouse tanto por vías interurbanas, empregando o chaleco reflectante, como por rúas da cidade de Santiago procurando que as persoas participantes puideran analizar os riscos en cada situación e buscar posibles solucións. No percorrido en transporte urbano, no que colaborou a empresa TUSSA, reforzáronse os hábitos seguros no seu uso, sendo este un aspecto moi importante da autonomía dos usuarios, xa que lles permitirá poder desprazarse por si mesmos. Os axentes da Policía Local e persoal de ASPAS acompañaron ao alumnado nestes traxectos.
 
Finalmente, os usuarios visitaron as dependencias policiais, onde puideron comprobar como se controla a circulación da cidade a través das cámaras da sala de pantallas e coñecer como traballan os axentes e as ferramentas que empregan. ASPAS agradece a boa disposición e cercanía dos membros do Departamento de Educación Viaria da Policía Local de Santiago e do persoal que colaborou no desenvolvemento das actividades.

Arquivada en:

Logo Entidad

PROMOVEN:

Logo FBarrie Logo EDISA
Rúa Santa Teresa de Jornet 19   15890 San Marcos   Santiago de Compostela   A Coruña   Tlf.: 981 582 050  aspas@asociacionaspas.org