Noticias
© Uso libre | 23/11/2016 | Oposicións
Tres persoas con discapacidade intelectual de ASPAS superan as probas para as prazas ofertadas polo Estado
Oito persoas formadas por FADEMGA Plena inclusión Galicia conseguiron as prazas de persoal laboral fixo na categoría de Ordenanza, seis delas en Galicia e outras dúas en Tarragona e Castellón respectivamente. Os tres membros de ASPAS, que superaron as probas pero non alcanzaron as praza, preparan agora, co apoio da federación, as primeiras oposicións da Xunta de Galicia reservadas á discapacidade intelectual.
23/11/2016 | Santiago de Compostela
A web do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas fixo pública este mércores a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo, e aos que se lles adxudican as prazas de persoal laboral fixo na categoría de Ordenanza (convocada de maneira específica para persoas con discapacidade intelectual). Tres membros de ASPAS concorreron a este proceso e conseguiron superar a proba pero non obteron praza.
O Ministerio ofertaba seis dos postos da convocatoria en Galicia (2 en Ourense, 2 en Pontevedra, 1 na Coruña e 1 en Lugo), que foron obtidos na súa totalidade por persoas formadas por FADEMGA Plena inclusión Galicia. Ademais, outras dúas persoas formadas por esta entidade conseguiron praza en Tarragona e Castellón respectivamente. ASPAS felicita a estas oito persoas, así como a todas aquelas que aprobaron o exame celebrado en xuño.
Os tres membros de ASPAS preparan agora co apoio de FADEMGA as primeiras oposicións da historia da Xunta de Galicia reservadas especificamente para persoas con discapacidade intelectual. O Servizo de Emprego de FADEMGA Plena inclusión Galicia traballa neste ámbito dende hai máis de 10 anos, desenvolvendo actuacións orientadas a fomentar o emprego das persoas con discapacidade intelectual, así como o apoio a todas aquelas que xa o teñen e queren mantelo, xa que o emprego é un factor clave para a integración deste colectivo.
Arquivada en:
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > Os nosos Servizos > Apoio para o Emprego







