Cookies


Noticias 

© Asociación ASPAS | 03/05/2017 | Presentación dos Xogos Autonómicos de Atletismo

ASPAS, Special Olympics Galicia e o Concello de Santiago presentan a 18ª edición dos Xogos Autonómicos de Atletismo

As probas celebraranse o domingo 7 de maio nas pistas de atletismo da Universidade de Santiago de Compostela e contarán coa participación de case 200 persoas con discapacidade intelectual.

03/05/2017 | Santiago de Compostela

A Asociación ASPAS, Special Olympics Galicia e o Concello de Santiago presentaron este martes a 18ª edición dos Xogos Autonómicos de Atletismo, que se celebran o domingo 7 de maio nas pistas da Universidade de Santiago de Compostela. As probas contarán coa participación de case 200 persoas con discapacidade intelectual, que estarán acompañadas por máis de 50 adestradores e 60 voluntarios, sempre fundamentais para o desenvolvemento destas actividades.

Na rolda de prensa de presentación o atleta de ASPAS, Jesús Cabo, relatou as súas experiencias en campionatos, tanto en Galicia como a nivel nacional e internacional, e explicou os adestramentos que realiza todas as semanas con ASPAS e co seu club de atletismo.

Neste punto tamén incidiu o xerente da asociación, Javier García, porque "para conseguir os logros, hai un esforzo diario moi importante". Ademais, agradeceu a implicación dos organismos públicos e especialmente a dos voluntarios do colexio de La Salle.

O presidente de SPecial Olympics Galicia, Eladio Fernández, resaltou os beneficios da práctica deportiva para as persoas con discapacidade intelectual e indicou que nos campionatos que organiza esta entidade "poténcianse as habilidades, minimízanse as dificultades e prémiase o esforzo de todos os participantes".

Pola súa banda, a concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago, Concha Fernández, deu conta das cifras de participación e incidiu no "gran valor para a inclusión e a saúde" que teñen este tipo de eventos. Así mesmo, fíxose un chamamento á asistencia como público para animar aos deportistas dende as gradas, e tanto a concelleira como o presidente de Special Olympics Galicia aproveitaron a ocasión para felicitar a ASPAS polo seu 50 Aniversario.

Os Xogos Autonómicos de Atletismo, nos que tomarán parte atletas con discapacidade intelectual de 17 asociacións de toda Galicia, están organizados por Special Olympics Galicia, contan coa colaboración de FADEMGA Plena inclusión Galicia, e están promovidos pola Asociación ASPAS.


 

Arquivada en:
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > Os nosos Servizos > Lecer, Deportes e Voluntariado

Logo Entidad

PROMOVEN:

Logo FBarrie Logo EDISA
Rúa Santa Teresa de Jornet 19   15890 San Marcos   Santiago de Compostela   A Coruña   Tlf.: 981 582 050  aspas@asociacionaspas.org