Noticias
© Asociación ASPAS | 30/03/2017 | Visita alumnos Compañía de María 1
Os usuarios de ASPAS intercambian experiencias cos alumnos do Colexio Compañía de María
No marco da semana "Eu podo, ti podes... Podemos" do centro educativo, persoas con discapacidade intelectual compartiron as súas vivencias cos estudantes de Primaria e Bacharelato, mentres que os de Secundaria visitaron o Centro Ocupacional e participaron nas actividades dos talleres.
30/03/2017 | Santiago de Compostela
Os usuarios de ASPAS intercambiaron experiencias ao longo desta semana cos alumnos do Colexio Compañía de María de Santiago no marco da semana "Eu podo, ti podes... Podemos", que celebra o centro educativo para concienciar sobre a riqueza da diversidade a través de diferentes accións. Deste xeito, os estudantes de todos os niveis educativos tiveron a oportunidade de coñecer mellor a discapacidade intelectual cos membros de ASPAS cunha serie de actividades que se veñen desenvolvendo durante os últimos anos.
Este intercambio de experiencias produciuse a través de tres liñas de colaboración. O pasado martes os alumnos de 5º de primaria do colexio realizaron unha das actividades dos talleres ocupacionais de ASPAS, que nesta ocasión tratouse da elaboración de cestos aplicando as técnicas que se empregan no taller de cestería da asociación. O mércores o noso grupo de Autoxestores ofreceron unha charla para os alumnos de 1º de Bacharelato na que falaron sobre a discapacidade, as súas vivencias persoais ou a súa experiencia en ASPAS, ademais de proxectar un vídeo de sensibilización.
Por último, este xoves os alumnos de 4º de ESO visitaron as instalacións de ASPAS, onde recibiron unha detallada explicación do funcionamento dos talleres e das vivendas comunitarias. E non só iso, senón que tamén participaron nas tarefas dos talleres de manipulado, cestería, cerámica ou mantemento. Ademais, compartiron o tempo de descanso da mañá cos usuarios, no que a videoconsola, o futbolín ou o baloncesto serviron para estreitar lazos.
Agradecemos a visita do Colexio Compañía de María e agardamos seguir colaborando nos próximos anos.
Arquivada en:
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Anteriores > Os nosos Programas > Sensibilización social







