Noticias
© Asociación ASPAS | 06/06/2016 | Día deporte solidario 1
Solidariedade, deporte e diversión en Área Central
O centro comercial acolleu este sábado o 2º Día do deporte solidario, un evento no que se puideron ver ducias de exhibicións deportivas e no que se venderon rifas por valor dun euro cuxa recadación se destina a ASPAS.
06/06/2016 | Santiago de Compostela
O pasado sábado vivimos unha gran xornada de solidariedade, deporte e diversión en Área Central. Diferentes entidades de Santiago de Compostela relacionadas co deporte déronse cita no centro comercial no 2º Día do deporte solidario, un evento no que se puideron ver ducias de exhibicións deportivas e no que se venderon rifas por valor dun euro cuxa recadación se destina na súa totalidade a ASPAS.
Centos de persoas disfrutaron das actividades que se realizaron nos corredores interiores e na Praza de Europa de Área Central nesta xornada organizada polo establecemento de deportes Atmósfera Sport: Centro Deportivo e Área Central, en colaboración co Concello de Santiago e outras entidades como Jim Sports, a Federación Galega de Atletismo e Cruz Vermella.
Deportistas de diferentes disciplinas protagonizaron ducias de exhibicións nos espazos habilitados nas que o público tamén puido participar e coñecer mellor algún deporte. Fútbol, baloncesto, patinaxe, quidditch, hockei, iudo, karate, minigolf, esgrima, ximnasia rítmica, xogos de mesa, tenis de mesa, chave, petanca, boxeo, kick boxing, zumba, ioga ou as probas motrices adaptadas -organizadas por ASPAS- foron algunhas das actividades que tivemos. Pero sen dúbida a proba estrela foi a I Milla Popular Solidaria, unha carreira aberta a atletas federados e non federados de diferentes categorías que contou cunha alta participación. Este 2º Día do deporte solidario complementouse con exposicións fotográficas, un museo do deporte, unha sesión de Sábados creativos, xogos populares en inglés e inchables.
ASPAS agradece a súa participación e implicación a todas as entidades que se volcaron na organización do evento e a todas as persoas que se achegaron a facer as súas aportacións solidarias e a disfrutar da xornada con todas e todos nós.
Arquivada en:







