Noticias
Arranca unha nova edición do Club de Lectura Fácil de ASPAS na Biblioteca Ánxel Casal
A actividade comezará o 25 de novembro e haberá sesións todos os venres de 12:00 a 13:00. Dende o día 11 está aberto o prazo para inscribirse nas prazas que están sen cubrir.
11/11/2016 | Santiago de Compostela
O Club de Lectura Fácil de ASPAS ponse en marcha de novo. A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle, no marco da colaboración coa nosa asociación, unha nova edición desta actividade dirixida a todas aquelas persoas adultas que teñen dificultades lectoras, xa sexan permanentes ou transitorias. Así, particpan persoas con discapacidade intelectual, pero tamén persoas recén chegadas que aprenden o idioma de acollida, persoas maiores ou adultos que se inician na lectura.
As sesións, que comezan o 25 de novembro e rematan no mes de xuño, celebraranse todos os venres de 12.00 a 13.00h na sala de traballo do terceiro andar. A actividade estará coordinada por Elena López Vidal, responsable da Aula de Formación de Adultos de ASPAS. Para o desenvolvemento desta actividade a Biblioteca contará coas mesmas persoas que integraban o grupo da edición anterior e oferta as dúas prazas que aínda están sen cubrir.
O prazo de inscrición comezou este venres o 11 de novembro ás 8.30h e finalizará cando remate a actividade. As persoas interesadas poderán inscribirse chamando ao teléfono 881 999 401, acudindo ao mostrador de Información do andar baixo da Biblioteca ou por correo electrónico biblio.publica.santiago@xunta.gal É imprescindible ser socio ou socia da biblioteca cando comecen as sesións.
Os materiais de Lectura Fácil son libros, documentos, páxinas web, etc., elaborados con especial coidado para que as persoas con dificultades lectoras poidan lelos e entendelos. Seguen as directrices da IFLA (Federación Internacional de Asociacións e Institucións Bibliotecarias), en canto á linguaxe, contido e forma e son textos escritos nunha linguaxe sinxela pero digna, que narran unha historia concreta, cunha única liña argumental e cronolóxica.
Arquivada en:







