Noticias
© Asociación ASPAS | 14/02/2017 | Usuarios de ASPAS na primeira fin de semana de respiro de 2017
Bankia apoia con 7.875 euros o ‘Programa de respiro familiar’ de ASPAS
A asociación destinou os fondos a este servizo que cobre, en momentos puntuais, a atención aos membros con discapacidade intelectual das familias de ASPAS cando na contorna familiar xorden emerxencias ou situacións de estrés. Este programa desenvólvese tamén grazas á colaboración do Concello de Santiago.
14/02/2017 | Santiago de Compostela
A Asociación ASPAS recibiu o apoio de Bankia, por importe de 7.875 euros, para o seu 'Programa de respiro e emerxencia familiar', que ten como finalidade cubrir en momentos puntuais a atención aos membros con discapacidade intelectual das familias de ASPAS cando na contorna familiar xorden emerxencias ou situacións de estrés.
A achega de Bankia enmárcase no seu programa 'Red Solidaria', polo que as súas oficinas apoian un proxecto social próximo, que elixen no principio do ano, se logran alcanzar os seus obxectivos de negocio no conxunto do exercicio. No ano 2016, un total de 245 proxectos recibiron apoio económico por máis de 1,4 millóns de euros grazas ao programa da entidade bancaria, o que favoreceu a máis de 74.980 persoas en España.
O programa de respiro desenvólvese tamén coa colaboración do Concello de Santiago, que realiza unha achega económica e cede as vivendas nas que se presta o servizo. Trátase dun programa de estancia temporal para dar apoio ás familias na atención á persoa con discapacidade intelectual nos momentos de cansazo, estrés ou emerxencia. As xornadas de respiro están tuteladas por monitores que dan asistencia nas actividades da vida diaria, nas que tamén se promove a autonomía dos usuarios.
Arquivada en:
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Anteriores > Os nosos Programas > Respiro/Emerxencia Familiar







