Cookies


Noticias 

© Asociación ASPAS | 22/05/2017 | Final última etapa

ASPAS remata o Camiño de Santiago reivindicando as capacidades de todas as persoas

A asociación chegou este sábado á Praza do Obradoiro, onde celebrou un acto de peche da andaina, enmarcada na celebración do seu 50 Aniversario. O domingo os membros da entidade asistiron á ofrenda ao Apóstolo na Catedral.

22/05/2017 | Santiago de Compostela

A Asociación ASPAS rematou este sábado o Camiño de Santiago nunha xornada de ledicia e compañeirismo, na que se reivindicaron as capacidades de todas as persoas tras completar máis de cen quilómetros de percorrido dende o pasado 1 de abril. A última etapa desta andaina, de sete quilómetros, arrincou dende o cámping de San Marcos ás 10.30 horas e transcorreu nun ambiente festivo. A chegada á Praza do Obradoiro produciuse dúas horas despois tras a incorporación de máis persoas ao grupo en San Lázaro e na Porta do Camiño. Nos últimos metros do percorrido polo casco antigo de Santiago, os camiñantes de ASPAS recibiron os aplausos e os ánimos de moita xente que paseaba pola rúa.

Ao chegar á praza, o grupo foi recibido por representantes de todas forzas políticas da corporación municipal e deu comezo o acto de peche. Durante o mesmo, o xerente da asociación Javier García tomou a palabra para reivindicar as capacidades de todas as persoas e agradecer a colaboración das institucións, empresas e particulares que contribuíron á realización da actividade. O presidente de ASPAS, Marcelo de la Cruz, resaltou a importancia de ter os apoios necesarios e da solidariedade para superar as dificultades do camiño, establecendo un paralelismo entre a ruta xacobea e a traxectoria da entidade nos seus 50 anos de historia traballando polas persoas con discapacidade intelectual. Pola súa banda, a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, asegurou que o Concello recibía esta peregrinaxe con especial ledicia e fixo entrega dun agasallo, o libro Memoria dun tempo, no que se recopilan fotografías históricas da cidade feitas por Ramón Sánchez Estalote.

A continuación os camiñantes colleron uns globos preparados para a ocasión -feitos con material biodegradable- co logotipo do 50 Aniversario e soltáronos ao aire para conmemorar a chegada con éxito ao final do camiño. Posteriormente, o grupo, de case 200 persoas, desprazouse ata a Alameda, onde se celebrou unha comida. Ao día seguinte, os membros de ASPAS acudiron á Catedral de Santiago para realizar unha misa de ofrenda ao Apóstolo, na que non faltou o tradicional balanceo do botafumeiro.

Nas seguintes ligazóns recóllense algunhas das noticias publicadas sobre a chegada de ASPAS ao Obradoiro, que tivo unha importante repercusión mediática:

Televisión de Galicia

Europa Press

El Correo Gallego

La Voz de Galicia

Arquivada en:
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Anteriores > Os nosos Programas > 50º Aniversario

Logo Entidad

PROMOVEN:

Logo FBarrie Logo EDISA
Rúa Santa Teresa de Jornet 19   15890 San Marcos   Santiago de Compostela   A Coruña   Tlf.: 981 582 050  aspas@asociacionaspas.org