Noticias
© Asociación ASPAS | 03/04/2017 | Primeira etapa 1
ASPAS completa a primeira etapa do Camiño de Santiago no inicio da celebración do seu 50 Aniversario
81 persoas remataron con éxito este primeiro tramo entre as localidades de Ferreiros e Gonzar. A segunda etapa, que se realizará este sábado 8 de abril, ten un percorrido de 17 quilómetros ata Palas de Rei.
03/04/2017 | Santiago de Compostela
ASPAS completou con éxito a primeira etapa do Camiño de Santiago este sábado no inicio da celebración do seu 50 Aniversario. Un total de 81 persoas entre usuarios, familiares, amigos, voluntarios e profesionais fixeron este primeiro tramo entre as localidades de Ferreiros (Paradela) e Gonzar (Portomarín) nunha xornada moi especial que supuxo a apertura dos actos de conmemoración dos 50 anos de historia da entidade.
A xornada arrincou a primeira hora da mañá cos últimos preparativos e o desprazamento dende Santiago ata Ferreiros. Unha feble choiva acompañou aos camiñantes nos primeiros compases da ruta, pero pouco antes do mediodía remitiu e as condicións meteorolóxicas foron as ideais para a actividade ata o final do día.
Unha vez cuberta a primeira metade da etapa, a familia de ASPAS fixo unha pausa para a comida, que tivo lugar no Pavillón Municipal de Portomarín. Tras este momento de descanso, completáronse os últimos quilómetros ata a localidade de Gonzar, e posteriormente produciuse o regreso a Santiago. A segunda etapa realizarase este sábado 8 de abril e consta dun percorrido de 17 quilómetros ata o concello Palas de Rei.
Arquivada en:
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Anteriores > Os nosos Programas > 50º Aniversario







