Infórmate > Noticias 

Noticias 

Máis de 300 persoas celebran o 50 Aniversario da Asociación ASPAS reivindicando un futuro con dereitos para as persoas con discapacidade intelectual
Compartir en Facebook Compartir en Twitter

19/06/2017 | Santiago de Compostela

Usuarios, familias, profesionais e voluntarios da entidade festexaron este sábado a Convivencia de Familias Especial 50 Aniversario. Durante a xornada presentáronse un vídeo e un libro e inaugurouse un monólito para conmemorar o cincuentenario. A representación do musical Peter! Voamos! e a homenaxe Unha vida con ASPAS foron os momentos máis emocionantes da xornada. O evento contou coa presenza de representantes das administracións públicas, de FADEMGA Plena Inclusión Galicia e de membros doutras asociacións galegas da discapacidade intelectual.

1 de 19

Máis de 300 persoas da Asociación ASPAS celebraron este sábado o seu 50 Aniversario na XV Convivencia de Familias reivindicando un futuro con dereitos para as persoas con discapacidade intelectual. Os primeiros actos da xornada estiveron orientados á presentación dos diferentes elementos conmemorativos do medio século de historia da entidade. A exhibición dun vídeo, a presentación dun libro e a inauguración dun monólito conmemorativos espertaron as primeiras emocións e lembranzas entres os usuarios, familias, profesionais e voluntarios.

Posteriormente chegou o momento da representación do musical Peter! Voamos!, unha adaptación de Peter Pan interpretada por actores e actrices con discapacidade intelectual e persoas voluntarias da asociación. A obra, que se ofreceu en dous pases mentres noutro espazo se realizaba unha actuación de maxia, foi moi aplaudida polos asistentes, recoñecendo así o mérito e o traballo de varios meses dos intérpretes.

O evento contou coa presenza de representantes das administracións públicas, de FADEMGA Plena Inclusión Galicia e membros doutras asociacións galegas da discapacidade intelectual, que non quixeron perder a ocasión de felicitar á entidade polos seus 50 anos.

No seu discurso, o presidente de ASPAS, Marcelo de la Cruz agradeceu a presenza dos representantes das administracións públicas e das asociacións galegas e fixo un repaso da historia da asociación dende a súa fundación en 1967. Tras este percorrido temporal indicou que “o legado que temos sería imposible de conseguir sen o esforzo das persoas con discapacidade intelectual, as súas familias, os profesionais, os voluntarios e os colaboradores”. O presidente de ASPAS engadiu que “agora o futuro está nas mans de cada un de nós. Rememos todos na mesma dirección poñendo sempre por diante os dereitos das persoas con discapacidade. Só así poderemos facer fronte aos moitos desafíos que temos que resolver”.

O presidente de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, Eladio Fernández, felicitou a ASPAS polos 50 anos de "inserción, inclusión e calidade de vida" para as persoas con discapacidade intelectual. Tamén quixo agradecer o papel dos pioneiros fundadores de ASPAS e fixo unha reflexión sobre os retos e obxectivos do Movemento Asociativo, ademais de reivindicar a importancia das familias. Pola súa banda, o secretario da Fundación José Otero-Carmela Martínez, Antonio Linares, expresou a súa "satisfacción" por colaborar cunha entidade como ASPAS.

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado, destacou "o compromiso da Consellería de Política Social de seguir colaborando nos proxectos de ASPAS". Continuou dicindo que "as administracións temos a obriga e a responsabilidade de estar ao lado das persoas e das familias" e concluíu o seu discurso afirmando estar "orgulloso da labor" da entidade. A deputada de Benestar Social da Deputación Provincial da Coruña, Ánxela Franco, afirmou que "a nosa aspiración como administración é executar a partitura que a cidadanía nos dá de maneira xusta, obxectiva e transparente" e expresou "o noso compromiso con todas as entidades, e por suposto con ASPAS”. A concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concha Fernández, lembrou a súa relación previa coa asociación e destacou a labor da entidade para que as persoas con discapacidade intelectual teñan "unha vida máis xusta e máis feliz". Ademais, indicou que "precisamos un Movemento Asociativo forte, organizado, estable, con historia e con futuro que nos recorde que temos que manter o noso compromiso e perseguir o horizonte dos dereitos".

Ao evento asistiron tamén representantes de todas as forzas políticas da corporación municipal da capital galega. Estiveron presentes tamén membros da xunta directiva de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, ademais de representantes das entidades Special Olympics Galicia, Aspadisi, Apader, Aspnais, Aspanaex, Apader, Prodeme e Down Compostela.

A xornada conmemorativa continuou pola tarde co xantar da convivencia e co acto de homenaxe Unha vida con ASPAS, no que as persoas que levan vinculadas á entidade máis de 30 anos recibiron un agasallo especial, entregado polos autoxestores da asociación. Con posterioridade, unha actuación musical amenizou o resto da xornada.
 

Arquivada en:

Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > Os nosos Programas > 50º Aniversario

MATERIAIS RELACIONADOS
Noticias
Boletín

Mantente informado/a

Recibe o noso boletín

Máis info


Rúa Santa Teresa de Jornet 19      15890 San Marcos      Santiago de Compostela      A Coruña      Tlf.: 981 582 050      aspas@asociacionaspas.org