Noticias
© Asociación ASPAS | 02/05/2017 | Melide-Arzúa 1
ASPAS chega a Arzúa na cuarta etapa do Camiño nunha xornada marcada pola sarabia
Unha intensa tormenta foi a anécdota do día ao sorprender ás máis de cen persoas que realizaron o traxecto entre Melide e Arzúa. A asociación completará o Camiño de Santiago en tres etapas máis durante o mes de maio con motivo do seu 50 Aniversario.
A Asociación ASPAS completou este domingo a cuarta etapa do Camiño de Santiago entre os concellos de Melide e Arzúa nunha xornada marcada por unha tormenta de sarabia. As máis de cen persoas que participaron nesta etapa víronse sorprendidas ao pouco de tomar a saída na localidade melidense por unha sarabiada acompañada de tronos e raios.
Os camiñantes trasladáronse a primeira hora da mañá dende Santiago cara o lugar de saída, onde comezaron a andaina pouco antes das dez. Tras percorrer os quilómetros iniciais comezou a tormenta de sarabia, que fixo que a expedición tivese que refuxiarse con paraugas e chuvasqueiros, pero non detivo a marcha. Aínda que houbo algún pequeno susto, os sorrisos predominaron e o manto branco que cubriu o chan deu pé a divertidos xogos e a bonitas fotografías.
Despois desta anécdota a ruta continuou con normalidade ata a chegada a Arzúa, onde moitos dos membros de ASPAS coincidiron en sinalar que foi a etapa coas paisaxes máis bonitas das percorridas ata o momento. A actividade do Camiño de Santiago, que se realiza con motivo do 50 Aniversario da entidade, consta de tres etapas máis durante o mes de maio, finalizando a andaina o día 20 na Praza do Obradoiro, mentres que o día 21 celebrarase un acto na Catedral de Santiago.